Manuel Fraga
Unha hora moi difícil. A morte de Manuel Fraga deixa un grande oco no Partido Popular. A súa valía e os méritos políticos manteranse sempre sen dúbida como unha referencia do desenvolvemento democrático en España, non só como construtor da nosa Carta Magna, senón como figura clave dunha Transición que nos permitiu acadar as cotas de liberdades e progreso das que hoxe gozamos. Pero se a súa forte personalidade ficou contundentemente en toda España, fíxoo en especial na súa terra galega, que nunca esquecerá os seus catro frutíferos mandatos como presidente.
O Partido Popular de Pontevedra transmitiu a través dun telegrama o seu pesar á familia do gran político, pero tamén quere dirixilo a través deste blog e da súa páxina web a todos os militantes e simpatizantes que temos compartido a nosa paixón por Galicia baixo as siglas do PP e baixo a súa firme e entregada dirección.
No momento de sobrepoñerse a unha nova tan difícil quizás sexa a propia figura de don Manuel a que nos ensine como facelo. El contribuíu enormemente a sinalar o camiño correcto para o desenvolvemento de Galicia e nós temos a obriga de continuar pola mesma senda.
































